Thursday 09 de May de 2024

Lousame porá en marcha “Espazos de Familia”, un programa para a formación de pais e nais sobre a primeira infancia


As sesións serán semanais, dunha hora e media, e serán impartidas por profesionais da Asociación Antonio Gandoy

O Concello de Lousame vai poñer en marcha o programa “Espazos en Familia”, unha actividade socioeducativa dirixida tanto a familias con fillos e fillas de ata 3 anos como a futuros pais e nais. “O programa consiste en crear un espazo para o encontro e a formación das familias en temas relacionados coa primeira infancia: o sono infantil, al linguaxe, a importancia do xogo… e ofrecer un tempo para o intercambio de experiencias a carón doutras familias”, explica a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde.

As sesións de “Espazos en Familia” serán semanais e dunha hora e media de duración, tempo no que se levarán a cabo actividades e xogos en grupo que, ademais de propiciarlles ferramentas e coñecementos aos adultos, tamén servirán de resposta ás necesidades dos menores. “Ao finalizar as sesións, cada familia disporá do seu tempo individual para levar a cabo unha titoría concertada cos profesionais que imparten a actividade”, apunta Villaverde Pais.

Espazos en Familia

O programa “Espazos en Familia” de Lousame será un lugar e un tempo de encontro para a formación de nais e pais sobre a primeira infancia dos seus fillos, así como un espazo de encontro e intercambio de experiencias no que uns aprenden dos outros e os nenos e nenas poden xogar con iguais. A través das distintas actividades que se programan, as familias poden chegar a coñecer e comprender mellor o desenvolvemento dos seus fillos e fillas.

O programa será levado a cabo pola Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy, creada en febreiro de 2013 por profesionais procedentes da Fundación Preescolar na Casa, unha experiencia pioneira e referente no desenvolvemento da parentalidade positiva nas familias galegas durante os 36 anos que estivo en marcha. “Espazos en familia” ofrecerá ás familias lousamianas a posibilidade de encontrarse con outros pais e nais con nenos/as da mesma idade cos seus e de manter un contacto con profesionais da Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy, que deseñarán as xuntanzas para dar resposta concreta as necesidades e inquedanzas das familias participantes no programa.

Como actividade de fin de curso, a Asociación Socieducativa Antonio Gandoy propón a celebración dun concerto para bebés, denominado “O son que me arrola” que contará cun recuncho musical onde os nenos e nenas poderán investigar cos instrumentos utilizados durante o concerto.

O período de reserva de praza no programa “Espazos en Familia” de Lousame estará aberto ata o vindeiro 1 de marzo. Para máis información e inscrición, as familias deben dirixirse aos Servizos Sociais Municipais ou chamar ao teléfono 981 820 494.